Educación ambiental


 

Deseñamos e poñemos en práctica programas de educación ambiental dirixidos a todo tipo de público, elaboramos diversos materiais educativos e didácticos en calquera formato, xestionamos equipamentos ambientais e planificamos os seus proxectos educativos.

 

Nas nosas intervencións cos destinatarios aplicamos una metodoloxía activa, investigativa e participativa, que axude a coñecer mellor o medio natural e social, para comprender as relacións de interdependencia das persoas co mesmo.

 

Pretendemos estimular valores e actitudes ambientalmente responsables, fomentando a reflexión crítica e a  participación na resolución dos problemas ambientais.


A continuación recollemos os principais servizos que ofertamos dentro desta área de traballo:

 

Outros servizos desta área:

  • Elaboración e desenvolvemento de proxectos educativos para equipamentos ambientais
  • Organización de estancias e viaxes de educación ambiental
  • Xestión e dinamización de procesos de participación pública

 

Deseño, planificación e xestión integral de programas de educación ambiental

 

Programa de educación ambiental do Concello de Oleiros

Desde o ano 2006 vimos desenvolvendo o Programa de actividades de educación ambiental no concello de Oleiros, tanto no período escolar con actividades como Hortas escolares, Coñecer Oleiros ou Aprendemos na natureza e tamén no período de verán cos Campamentos e Excursións ambientais.
Nestes anos máis de .... rapaces e rapazas do concello participaron nas actividades desenvolvidas por nós neste concello.

 

 

Programa de educación ambiental "Vive a natureza" do Concello de Betanzos

 

Desde o ano 1992 desenvolvemos no Concello de Betanzos un ambicioso programa de educación ambiental que abarcaba desde un programa de colaboración coa escola que abranguía todos os niveis, con actividades deseñadas segundo o nivel educativo e as materias do proxecto curricular do centro (enerxía, residuos, a auga, o bosque…) ata programas de formación dirixidos a adultos coa organización de diversos cursos de iniciación ao medio ambiente (ornitoloxía, cogomelos, bosques,…).

 

 

Xestión de equipamentos ambientais: aulas de natureza, centros de visitantes...

 

Aula de natureza de Chelo (Coirós)

Desde o ano 2000 vimos desenvolvendo o servizo de xestión do centro de educación ambiental “aula de natureza de Chelo” dependente da Xunta de Galicia.

 

Ademais do público xeral que ven visitar a exposición didáctica que sobre a auga e o río ten o centro e recoller información sobres as rutas ambientais do contorno; recibimos ao longo do ano numerosos grupos de escolares que a través de diversas actividades, veñen descubrir o río Mandeo que conforma un espazo natural de alto interese ecolóxico.

 

 


Aula de natureza da Cabalar (As Pontes)


Situada nas estribacións da serra da Faladoira, a aula de natureza da Cabalar é unha pequena aldea formada por tres vivendas rehabilitadas seguindo a arquitectura tradicional da zona que acolle a grupos de escolares en estancias de tres a cinco días de duración.


Nestas estancias desenvolvemos actividades de educación ambiental moi vinculadas á cultura tradicional da media montaña galega: desde moer nun muíño tradicional ata facer o pan de forma artesanal cocendo nun auténtico forno de leña. Tamén se inclúe itinerarios ambientais para coñecer o contorno - as altas fragas do Eume, o río Eume, as matogueiras - e os poucos veciños que aínda habitan as súas aldeas.


Centro de visitantes do monumento natural Costa de Dexo-Serantes (Oleiros)

 

A través do CEIDA xestionamos o servizo de educadores ambientais deste centro de visitantes, situado concello de Oleiros, no espazo natural protexido do Monumento Natural Costa de Dexo, recibe a visita de numerosas persoas e de grupos escolares organizados que se achegan ata o contorno dos faros de Mera para descubrir unha das zonas de maior interese ecolóxico e mellor conservadas da costa, na intensamente urbanizada área metropolitana da Coruña.

 

Planificación e deseño de campañas de sensibilización ambiental

 

Campaña de sensibilización da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Ría de Cedeira”


A Consellería do Mar xunto coa Confraría de Pescadores de Cedeira encargáronnos o deseño da campaña de sensibilización ambiental sobre a recentemente declarada reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira.

 

A campaña inclúe o deseño e distribución de diverso material divulgativo e didáctico dirixido a todo o público.

 

Campaña de sensibilización ambiental sobre reciclaxe e tratamento dos residuos sólidos urbanos (Concello de Abegondo)


A través desta campaña dirixida especialmente ao público adulto (amas e amos de casa, grupos de persoas maiores, asociacións veciñais, hostaleiros….) afondouse na súa sensibilización para fomentar a recollida selectiva dos residuos en orixe e potenciar a utilización dos diversos minipuntos limpos recentemente instalados en distintas parroquias e do punto limpo do concello. 


Ademais de obradoiros e conferencias se editou diverso material divulgativo, como a guía de residuos de Abegondo, que se repartiu entre os veciños do concello.

 

Produción de materiais educativos e didácticos

 

Caderno didáctico do río Xuvia

 

O concello de Narón nos encargou a elaboración e edición dun caderno de traballo dirixido a escolares de educación secundaria do seu concello que ao longo do curso escolar veñen visitar a través dun pequeno itinerario o río Xuvia, que forma parte do LIC Xuvia-Castro.

 

Este caderno axúdalles a alumnos e alumnas a descubrir diversos aspectos vinculados ao río: desde as plantas e animais que nel viven ata os diversos usos tradicionais do río ou os problemas ambientais que sofre e as súas alternativas.

 

Xogo de mesa “R que R”

 

 

A través deste xogo de mesa os participantes aprenden e descubren diversos aspectos sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos, abordados desde unha perspectiva global grazas a este divertido xogo de preguntas e probas sobre a estratexia das 3 R destinado a participación tanto individual como en grupos.

 


 

Cursos de formación en medio ambiente

 

Curso de formación “Actividades didácticas sobre enerxías renovables”

 

Organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), este curso de formación de formadores, dirixido a profesores, educadores e monitores ambientais que queiran abordar dun xeito didáctico e entretido na súa aula a temática das enerxías renovables a través de sinxelos experimentos e actividades prácticas de sensibilización dos seus alumnos e alumnas.

 

 

Módulos de sensibilización ambiental


Nos cursos de formación de desempregados a traves do Programa Rede Coruña Emprega desenvolvemos os módulos de sensibilización incluídos no programa de formación, abordando os aspectos principais sobre os problemas ambientais que podían provocar as diversas actividades laborais e as boas prácticas ambientais precisas para minimizalas no desenvolvemento do seu traballo.

 

Deseño, planificación e execución de itinerarios ambientais

 

Itinerarios ambientais polo parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán


O camiño da auga, o camiño do mar e o camiño do vento foron os tres primeiros itinerarios ambientais que se implementaron neste parque natural. Deseñados de forma temática estes itinerarios dan a coñecer ao visitante os principais valores ambientais que alberga esta pequena xoia dos nosos espazos naturais protexidos.


E como o tempo pasa para todos, eses primeiros tres itinerarios se revisaron e hoxe en día adaptámolos ás novas medidas de xestión do parque natural e agora son cinco os itinerarios deseñados para este espazo natural.

 

Itinerario ambiental polo río Miño (Ourense)


Incluído no proxecto de recuperación e posta en valor do río Miño ao seu paso da cidade de Ourense deseñamos para o Concello de Ourense unha serie de itinerarios ambientais polo seu contorno que permitise achegar a natureza e o patrimonio etnográfico deste descoñecido tramo do Miño aos visitantes das ribeiras do río, tanto para aqueles que o fan andando como para os que o fan en bicicleta.


Ademais o proxecto foi complementario coa musealización da aula de natureza do río Miño, situada en Oira.

 

Actividades de educación ambiental: conferencias, charlas, itinerarios ambientais, obradorios, xogos de simulación

 

Programa de actividades ambientais para centros escolares da provincia da Coruña

 

 Para a Consellería de Medio Rural desenvolvemos un programa de charlas ambientais e de itinerarios polos espazos naturais da provincia da Coruña que permiten dar a coñecer aos alumnos e alumnas participantes diversos aspectos sobre o medio natural de Galicia e permítelles coñecer in situ algún dos espazos naturais de maior interese ambiental. O programa inclúe charlas sobre os nosos bosques, os ríos e ecosistemas fluviais, a nosa costa, a conservación da biodiversidade ou os espazos naturais de Galicia e itinerarios por espazos naturais como a enseada da Insua, o encoro e fraga de Cecebre, o areal de Baldaio, a lagoa de Sobrado ou a ría de Ortigueira...

 

Hortas escolares (Betanzos, Laxe, Oleiros)


Ao longo de moitos anos vimos desenvolvendo programas de actividades de hortas escolares, destinados fundamentalmente aos cativos e cativas de educación infantil e primeiro ciclo de primaria. Esta actividade desenvolvida para o concello de Betanzos e de Oleiros ou para o proxecto SINGRA da Cruz Vermella pretende achegar os máis pequenos a unha experiencia única de contacto directo coa natureza e os ciclos da vida a través da súa horta o que se convirte nunha actividade moi enriquecedora para eles.