Divulgación e interpretación do patrimonio

 

Nesta área de traballo ofrecemos solucións de calidade, producindo exposicións, itinerarios, publicacións, paneis temáticos, organización e deseño expositivo de aulas de natureza e centros de visitantes...

 

O obxectivo principal nestes traballos é revelar o significado do medio ambiente a todas as persoas, utilizando como ferramenta as diferentes técnicas de comunicación da interpretación do patrimonio. Estas técnicas perseguen que a comunicación sexa efectiva para poñer en valor o patrimonio, e que deste xeito o público adopte unha actitude favorable cara á súa conservación.

Ao mesmo tempo pretendemos que estas actuacións sirvan como unha ferramenta que axude na xestión do uso público nos espazos onde se executen.

 

Algúns dos principais servizos que ofertamos dentro desta área de traballo son os seguintes:

 

 

Outros servizos:
Desenvolvemento de plans de interpretación e sinalización de espazos naturais.

 

 

Planificación e desenvolvemento de proxectos expositivos de centros de visitantes, museos, centros de información de espazos naturais.


Exposición do Museo do mar e a pesca (Castelo de San Carlos – Fisterra)

A Xunta de Galicia encargounos o proxecto expositivo e posteriormente a musealización do Castelo de San Carlos, en Fisterra encadrado dentro do proxecto “Pescando onde o solpor”.
A través desta exposición - constituída por paneis, maquetas de artes de pesca e embarcacións tradicionais, pezas reais e un bote de Fisterra recuperado, recreacións a escala natural,... - se fai un repaso pola historia da pesca en Galicia e Fisterra ao longo do tempo.

 

Exposición interpretativa da aula de natureza de Moreda do Courel (O Courel)

Situada no punto de entrada a un dos itinerarios que nos permite mergullarnos nun dos mellores bosques de Galicia – a devesa da Rogueira – a pequena aula de natureza do Courel dotámola cunha exposición interpretativa onde de xeito multidisciplinar fixemos un detallado repaso polos valores ambientais, etnográficos e culturais deste espazo natural, abordando aspectos como a súa climatoloxía, a súa xeoloxía, a vexetación e a fauna, a súa historia, a vivenda e as aldeas ou os usos e aproveitamentos tradicionais.

 

Produción de exposicións divulgativas

 

Exposición divulgativa “Galicia, conservando a natureza”

Esta exposición realizada para a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, pretende que o público, e máis especialmente, os habitantes dos espazos naturais protexidos coñezan os seus principais valores ambientais e patrimoniais, ao tempo que sensibilizarnos a todos da importancia que teñen na conservación da nosa biodiversidade.
Composta por 22 paneis de fácil montaxe e transporte fai unha viaxe por todos os espazos naturais protexidos de Galicia.

 

 

Exposición itinerante “Prestige, crónica negra dun modelo enerxético insostible”

Dous anos despois da catástrofe ecolóxica provocada polo afundimento do Prestige, o Centro de

Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e a Fundació Territori i Paisatge nos encargou o deseño e elaboración dunha exposición que con motivo do aniversario do accidente, fixera unha reflexión sobre os problemas ambientais do nosos mares e do modelo enerxético da nosa sociedade e os problemas ambientais que provoca.
Ademais dos paneis a exposición conta con diversos módulos de apoio, como unha reprodución dun petroleiro monocasco e de dobre casco, dun barril de petróleo e tamén das aves máis afectadas pola catástrofe.

 

Deseño e sinalización de itinerarios ambientais e rutas

 

 

Homologación da ruta de sendeirismo de Ponteceso a Corme: PR-G 148

 

No 2012 a Federación Galega de Montañismo homologounos a ruta de sendeirismo que deseñamos para o Concello de Ponteceso unindo a pé os seus principais núcleos: Ponteceso e Corme.

Esta ruta, que se inicia ao pé da casa natal de Pondal,  comunica Ponteceso e Corme por camiños que discorren pola ribeira e pola beiramar, a través dos que podemos descubrir panorámicas espectaculares sobre a Ría de Corme e Laxe, interesantes mostras do patrimonio natural da Costa da Morte, xa que a ruta  discorre polo Lugar de Importancia Comunitaria da Costa da Morte que inclúe o espazo natural da enseada da Insua, que forma parte da Zona de Especial Protección para as Aves Costa da Morte (Norte),  e  valiosas mostras do patrimonio cultural, como a enigmática Pedra da Serpe ou diversos muíños e hórreos que aínda perviven na paisaxe rural dalgunhas das zonas da ruta.

 

Ademais do deseño da ruta e de realizar as xestións precisas para a súa homologación pola Fedrecación Galega de Montañismo, desde CEM, s.coop.galega  encargámos de realizar a marcaxe e a sinalización da mesma a través de distintos soportes para exteriores como paneis e  mesas interpretativas, balizas e frechas indicadoras.

Todos os soportes están realizados en materiais de alta durabilidade para evitar o deterioro no tempo e minimizar o impacto do vandalismo sobre os mesmos.

Ademais de na CALIDADE dos materiais, a nosa esixencia profesional tamén queda reflectida na CALIDADE dos contidos dos paneis e das mesas interpretativas e na CALIDADE do seu grafismo e deseño.

 

 

Material para descargar:

Track da ruta en GPX

Folleto da ruta en PDF

 

 

 

Rutas ambientais polo macizo central ourensá (Chandrexa de Queixa)

A petición do concello de Chandrexa de Queixa sin

alizamos e publicamos os folletos de tres rutas ambientais que discorren por este concello. Unhas rutas de distinta duración e dificultade que nos permiten descubrir a riqueza biolóxica, a xeoloxía ou impresionantes mostras de etnografía da montaña galega camiñando polo practicamente descoñecido macizo central ourensá.

 

 

 

 

 

Itinerario ambiental polas ribeiras do río Miño (Ourense)

Como complemento ao proxecto de recuperación ambiental do río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense, o concello encargounos a elaboración e instalación da sinalización interpretativa das rutas ambientais deseñadas previamente, a través de paneis interpretativos sobre diversos aspectos ambientais e etnográficos, paneis xerais de inicio-fin de ruta e de báculos de seguimento dos itinerarios e as súas paradas.

 

Realización de paneis interpretativos temáticos

 

Proxecto sinalización da Reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira

Para a recentemente declarada reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira, a Xunta de Galicia nos encargou a súa sinalización con paneis e mesas interpretativas con información sobre a orixe da reserva, a zonación, as limitacións e usos permitidos, os beneficios ambientais e económicos para a zona da súa declaración, o modelo de xestión...Para este proxecto instalamos cinco paneis en galego e castelán e máis dúas mesas interpretativas.

 

Paneis do camiño da Devesa da Rogueira (O Courel)

Complementando a exposición interpretativa da aula de natureza do Courel acometeuse a sinalización por medio de paneis interpretativos do camiño de acceso á base da devesa da Rogueira. Nestes trece paneis se abordan tanto aspectos ambientais como etnográficos que podemos ir descubrindo in situ a medida que o noso camiñar nos vai introducindo na devesa.

 

Elaboración e execución de plans integrais de sinalización interpretativa

 

Proxecto de sinalización ambiental e turística de Ponteceso

Para o Concello de Ponteceso abordamos a sinalización ambiental e dos recursos turísticos do seu municipio: rutas de sendeirismo, igrexas, muíños, pontes, espazos naturais....Para iso se instalaron diversos paneis e mesas interpretativas con información específica de cada recurso. Tamén se instalaron paneis identificativos en diversos lugares e paneis de información xeral do concello co mapa de recursos municipal. 

 

 

 

 

Elaboración, deseño e edición de publicacións ambientais

 

Itinerarios ambientais polas aulas de natureza: “Camiñar para coñecer, coñecer para conservar”

Nun pequeno estoxo deseñado ao efecto se incluían os catro cadernos publicados cos respectivos

itinerarios ambientais das catro aulas de natureza da Consellería de Medio Ambiente: itinerario pola devesa da Rogueira no Courel, itinerario a Tres Bispos en Ancares, a ruta das C

housas no Veral e o itinerario polo Mandeo en Chelo. Cada caderno recolle información específica de cada unha das rutas, das súas características e dos valores ambientais e etnográficos que podemos coñecer en cada parada.

publicacións CEM

 

 

 

 

Carpeta de láminas do castelo de Santa Cruz

Coa colaboración do ilustrador Suso Cubeiro e do escritor Chisco Fernández Naval, elaboramos para o

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) un cartafol con seis láminas sobre a Illa e o Castelo de Santa Cruz, nas que a través dunhas magníficas ilustracións e uns preciosos textos se fai un paseo sobre os aspectos naturais pero tamén sobre o significado de que un castelo creado para defender a baía da Coruña sexa agora o encargado de defender o medio ambiente a través da formación, a divulgación e a educación ambiental.

 

Asistencia técnica en cursos, congresos e xornadas ambientais

 

Curso de xardín e horta ecolóxica “Espazo verde” (Oleiros)

Ao longo de catorce sesións teórico-prácticas se abordou cos veciños e veciñas do concello de Oleiros diversos aspectos e técnicas para poder realizar unha xardinería e agricultura con criterios ecolóxicos máis respectuosos co medio nas pequenas hortas e xardíns que teñen nas súas casas.

 

 

 

 

Curso de iniciación á fotografía de natureza (CEIDA – Santa Cruz)

Curso teórico e práctico que durante varios anos organizamos para o CEIDA e no que contabamos con dous expertos fotógrafos da natureza – con fotografías publicadas en varias revistas, entre elas a edición norteamericana de National Geographic – como poñentes deste interesante curso que abordaba desde a fotografía de paisaxes ata a macrofotografía ou o mantemento do equipo e onde se entrelazaban tanto as explicacións para fotografía analóxica como para fotografía dixital.

 

 

 

Deseño e produción de materiais multimedia e xogos interactivos

 

Aplicacións interactivas para a lonxa turística de Fisterra

Para a exposición interpretativa deseñada por nós que acolle a nova lonxa turística de Fisterra, deseñamos aplicación multimedia sobre caladoiros na lonxa de Fisterraunha aplicación interactiva “Peixes e mariscos da lonxa de Fisterra”que permite aos visitantes coñecer as especies de peixes e mariscos máis importantes das descargadas nesta lonxa, e a través dela descubrir diversos aspectos sobre a súa bioloxía pero tamén outros sobre a gastronomía ou o método de pesca.

 

Outra aplicación “Caladoiros do mundo e de Galicia” sitúa no mapa os principais caladoiros onde pesca a flota galega e cun pequeno clic podemos descubrir as especies principais que se capturan e o tipo de barcos e artes coas que traballan.